Novo libro! E moi especial, por partida dobre: é a nosa primeira publicación en galego, algo do que xa tiñamos moitísimas ganas, e conta un deses episodios que nos enchen o peito e fan que sintamos orgullo da nosa xente e da nosa historia: a do alzamento en armas de todo un pobo, campesiños, pescadores, mercadores, viláns e artesáns, contra os abusos e a opresión da nobreza.
Unha historia, ademais, triunfante, que durante dous anos conseguiu impoñer unha nova orde social que trouxo a paz e a xustiza a todo o antigo reino de Galicia. Como para non sentirse orgullosos...
A gran revolta irmandiña é un deses episodios que non deberiamos esquecer. Unha xesta sen parangón que contarnos a nós mesmos e aos nosos fillos, para que non deixemos, nin deixen, de loitar polo que cremos xusto. Unha historia que Fran Zabaleta nos trae á memoria coa amenidade dun conto, pero sen perder a profundidade da historia.
Xoán Branco e a gran revolta irmandiña, de Fran Zabaleta
ESTA É A HISTORIA DUNHA REVOLUCIÓN… E A DUN DOS HOMES QUE A FIXERON POSIBLE.
Unha revolución como nunca antes se vira, capaz de pór o mundo do revés e de levar a paz e a xustiza a unha terra que só coñecía a miseria e a brutalidade.Un home que soñou un mundo mellor.... e que non quedou de brazos cruzados.
A gran revolta irmandiña, que sacudíu Galiza entre 1467 e 1469, é un asombroso levantamento de todo un pobo contra a opresión e o mal goberno. En apenas uns meses, uns oitenta mil irmandiños alzados en armas conseguiron derrotar á nobreza, que fuxíu a Castela ou Portugal, e facerse co control do reino. Por primeira vez na nosa historia, a xente do común tomou as rendas do seu destino e instaurou un sistema de goberno xusto e eficaz, acabou co bandoleirismo e trouxo a paz.
Xoán Branco, notario e escribán de Betanzos, foi o dirixente máis representativo da Irmandade, o único capitán xeneral que non procedía do estamento nobiliario. A súa figura permaneceu no imaxinario colectivo como a dun home bo e xeneroso e un dirixente xusto, amigo dos pobres e dos oprimidos.
Interésache? Podes mercalo na nosa tenda...
E non esquezas deixar os teus comentarios máis abaixo!