A semana pasada saíu á venda a segunda entrega da nosa colección dedicada aos principais episodios históricos de Galicia, un volume centrado nun período fundamental do noso pasado recente: as guerras napoleónicas e o enfrontamento dos galegos contra os exércitos napoleónicos, unha xesta que deixou unha profunda pegada na memoria colectiva dos galegos e as galegas.
Hoxe, con motivo desta novidade editorial, entrevistamos ao seu autor, o periodista e divulgador Eduardo Rolland.
1809, Europa envolta nas guerras napoleónicas. Que pasou en Galicia nese ano, por que foi clave para a nosa historia?
En 1809, Europa estaba no momento culminante das guerras napoleónicas. Bonaparte dominaba xa case todo o continente. Derrotara en varias ocasións ás grandes potencias: Rusia, Austria, o Sacro Imperio… Só o Reino Unido mantíñase firme na súa contra.
É nese contexto cando entraron en Galicia nada menos que tres exércitos en combate: o británico do xeneral John Moore e os franceses dos mariscais Soult e Ney, que eran os máis brillantes oficiais de Napoleón. O resultado foi unha hecatombe para Galicia desde xaneiro ata xuño de 1809 en que son os propios galegos, combatendo por si mesmos aínda que con axuda externa, os que conseguen liberar o país, malia ter que pagar un custo de vidas humanas enorme, descomunal. En apenas seis meses, Galicia viviu feitos terribles, dun enorme impacto histórico como a reconquista de Vigo, a batalla de Elviña, a batalla de Ponte Sampaio, matanzas como as de Monforte ou a do tren artillería de Cesuras… Creo que nunca Galicia viviu unha guerra de tal intensidade en toda a súa historia.
Por que os franceses, que ata moi pouco antes foran aliados dos españois, foron tan mal recibidos en Galicia?
Os invasores franceses foron mal recibidos por varias razóns. Obviamente, pola oposición da Igrexa, que despois de ver como en Francia eran desartelladas as ordes relixiosas e desamortizados conventos e outras propiedades eclesiásticas, temían perder tamén aquí o seu poder social e político, xunto coas súas propiedades. Tamén estaban en contra as elites do Antigo Réxime, sobre todo a nobreza, que desexaba conservar os seus privilexios, aínda que tamén había unha crecente burguesía moi dividida: algúns apostaban por un cambio de réxime e outros querían conservar as estruturas coas que tanto gañaban.
Pero a clave do rexeitamento aos invasores franceses foi, sobre todo, unha reacción á acción dos propios exércitos de Napoléon en Galicia. Chegaron ducias de milleiros de soldados sen intendencia ningunha, sen alimentos, dispostos a vivir sobre o terreo. E dende o primeiro día chegaron os crimes, as violacións, os saqueos, as queimas de vilas enteiras, a depredación sobre o patrimonio... A xente do pobo decatouse inmediatamente de que tiñan que loitar e expulsar o que se convertera nunha auténtica praga, unha catástrofe en masa en forma duns exércitos que destruían o país... Ese motor foi a clave para que o pobo galego tomase as armas: defender ás súas vilas, ás súas casas, ás súas vidas, ó seu país...
Cos ingleses pasa o contrario, foron inimigos ata o día anterior, como quen di. Como recibiron os galegos ao exército de John Moore?
É certo que amigos e inimigos mudaban cada pouco naqueles tempos. As alianzas non duraban moito, e tiñan natureza dinástica, como adoitaba acontecer no Antigo Réxime. De feito aínda non estaba consolidado un concepto estatal nacional. E lóxicamente a situación política e diplomática cambiaba moitísimo.
Os ingleses, que foran combatidos en Galicia pouco antes, por exemplo na batalla do cabo Fisterra de 1805, pasaron agora a ser aliados contra os franceses. Pero non dun xeito evidente, porque en realidade para o Goberno en Madrid, que estaba sustentado por Napoleón a través do seu irmán Xosé Bonaparte como rei, os inimigos eran precisamente os británicos. Falamos dun tempo moi confuso e no que se vivía practicamente unha guerra civil, que de feito é a base dos bloques que ao longo do tempo mantiveron os grandes conflitos políticos en España ata o século XX.
En canto a como foi recibido o exército de John Moore en Galicia, hai que dicir que mal, moi mal. Malia que hoxe ten a súa tumba monumental na Coruña, tras morrer na batalla de Elviña, e que o xeneral escocés foi cantado mesmo polos versos de Rosalía de Castro, o certo é que as tropas británicas, no pouco tempo que estiveron en Galicia, comportáronse dun xeito salvaxe, roubando e saqueando as aldeas cunha depredación similar á que logo farían os franceses. Foron polo tanto tempos moi duros para todos...
Un exército imperial, vencedor en toda Europa, contra veciños en armas. O capitán inglés Wittingham, que citas no libro, di das tropas galegas que: «É unha masa de miserables labregos, sen roupa, sen organización e con poucos oficiais que merezan o nome». Como é posible que os galegos conseguiran botar fóra os franceses? Como diantres o fixeron?
Gústame a pregunta por moitas razóns. A primeira, porque nunca fun partidario do «fixemos», «fomos», «eramos», etc... ao falar de historia. Sempre estiven en contra da patrimonialización ou asunción persoal ou colectiva do pasado, do estilo de «descubrimos América», «fomos á Lúa», «vencemos aos nazis» e todo iso... Cada un de nós fixemos nesta vida o que fixemos. Non somos responsables, nin para ben nin para mal, do que fixeron os nosos presuntos antergos, dos que nin sequera sabemos se foron de verdade os nosos propios devanceiros.
Neste tema están moitos perigos de usar a historia como algo patrimonial que se poida impoñer, e polo tanto dame algo de medo tirar por aí... En canto á pregunta, podería falar de afouteza, determinación, desesperación, carraxe... Hai moitas palabras para explicar como foi posible que un exército de labregos e mariñeiros, de xentes do común, de galegos e galegas sen armamento nin case formación militar, guiados por líderes improvisados, artellados dun xeito popular, rematasen combatendo e vencendo aos dous mellores exércitos de Napoleón, mandados polos seus mellores mariscais.
Naqueles seis meses de 1809, Galicia ergueuse en armas nunha rebelión total e de natureza brutal. Enfronte, tiveron tamén unhas tropas invasoras que exerceron unha violencia descomunal. Estamos a falar de milleiros de mortes nun corto espazo de tempo e dun país que en moitos lugares quedou arrasado. Pero o certo é que aqueles galegos conseguiron vencer, expulsar e derrotar en varias batallas aos vencedores de Europa... E de feito, isto foi noticia no xornal británico The Times, por exemplo, ou marabillou a grandes estrategos como a Lord Wellington, máis tarde vencedor en Waterloo...
Vai ser entón que os verdadeiros inventores da guerrilla na Idade Contemporánea foron os galegos...
Poderíamos afirmar que si. Se cadra non nos decatamos da importancia que tivo aquel levantamento galego. Investigando sobre esta época, descubrín as cartas que Napoleón escribiu tras recibir no pazo de Wagran, nas aforas de Viena, a nova da reconquista de Vigo. Alí fala con desprezo dun «exército de paisanos». Di que non son «nada». E que deben ser esmagados sen dificultade polos mariscais Soult e Ney.
Pero iso non acontece. Napoleón estaba tremendamente trabucado. Eses paisanos formando guerrillas, ás veces chamadas «trozos» ou milicias honradas, foron quen de derrotar á máis brutal maquinaria bélica do mundo no ano 1809. E sabemos que os oficiais e soldados napoleónicos en Galicia tiñan verdadeiro medo, e que viviron auténticos meses de terror fronte aos ataques da paisanaxe galega nas súas emboscadas. Sabían ben que, cando se facían prisioneiros, as mutilacións e torturas eran terribles, como ben nos recordan a eses gravados de Francisco de Goya titulados Os desastres da guerra, datados na mesma época.
Podemos dicir que os galegos foron os primeiros en derrotar a Napoleón, e que o conseguiron nun tempo récord, de apenas seis meses?
Non se derrotou persoalmente a Napoleón porque, en xaneiro de 1809, decidiu retirarse a Francia ao chegar a Astorga, cando estaba a piques de entrar en Galicia á cabeza dos seus exércitos.
Pero si é certo que Vigo é a primeira praza fortificada que foi liberada despois de ter sido ocupada por un exército napoleónico en Europa. Non vivimos as primeiras vitorias, porque hai que lembrar que Bailén, por exemplo, foi un ano antes, en 1808. Pero si é certo que a magnitude de vitorias como a de Ponte Sampaio obrigou a retirarse nada menos que ao mariscal Michel Ney en persoa en xuño de 1809. E que o certo é que Galicia logrou o fito impensable de liberarse dos exércitos napoleónicos en menos de seis meses. E logo dende portos como o de Vigo artellouse o combate no que os británicos chaman a Guerra Peninsular, porque de feito foi simultánea e similar en España e Portugal.
Ten sentido celebrar a derrota dun exército que, aínda que inimigo, traía as ideas da Ilustración e a Revolución francesa? Ao cabo, a derrota dos franceses supuxo o retorno ao absolutismo de Fernando VII e servíu para manter o dominio abafante da Igrexa católica, que cercenou calquera atisbo de pensamento libre…
Todos coñecemos guerras nas que algúns tentaron levar pola forza a democracia a algúns territorios. Non adoita funcionar. As ideas, por mellores que parezan, nunca prenden na xente a sangue e lume. O paisano ao que lle mataban a vaca, ao que lle queimaban o palleiro, que lle papaban o porco, que lle violaban a familia, que lle roubaban os cartos e que lle queimaban a casa... pois obviamente non estaba moito para pensar en Voltaire e Montesquieu. Dende logo non ían ser as súas prioridades.
Tamén hai que discutir a imaxe de ver a Napoleón como unha especie de «demócrata», cando ademais de proclamarse emperador estaba a formar unha dinastía propia. E a soldadesca do exército imperial francés para nada estaba chea de principios da liberdade, da fraternidade nin da igualdade cando estaba sobre o terreo ocupando un territorio. Así que ten sentido recordar todo aquilo. E mesmo celebralo nalgúns casos, aínda que sempre recordando que o que hoxe festexamos nalgúns lugares de Galicia con viño, música e «choripán»..., en realidade responde a uns feitos dramáticos, dunha violencia propia da peor das monstrosidades que se poidan imaxinar.
En canto á lectura de que esa rebelión contra a ocupación francesa cercenou a chegada do liberalismo, hai que dicir que entre os que loitaron en Galicia estaban tamén os que pelexaban pola primeira Constitución, a de 1812 en Cádiz. Non todo era reaccionario. E, para rematar, porque esta sería a cerna dun debate interesantísimo e que non remataría nunca, non podemos ser «presentistas» e xulgar feitos pasados utilizando a mentalidade de hoxe. Iso non é propio da historia. E tampouco podemos facer política-ficción. Isto tampouco é un multiverso. Non sabemos que tería pasado noutra situación. Sabemos que pasou o que pasou. E a nosa obriga é contalo.
Por que o libro? Por que un libro de divulgación sobre 1809, que sentido ten dous séculos despois recordar estes feitos?
O libro en si resulta acaído polo que conta dunha época na que, nun espazo moi curto de tempo, o mundo dun país como a nosa Galicia mudou nun auténtico inferno. A brutalidade vivida naqueles seis meses do ano 1809 é digna de ser recordada. Sobre todo para que non nos quedemos na parte que hoxe é lúdica, que é de festa ou que, noutros tempos, foi cantada en himnos e poemas con fantasías patrioteiras pouco achegadas a este terra... A realidade foi a que foi: un drama descomunal, como todas as guerras. E penso que paga a pena recordalo. Sobre todo para estar previdos, porque xa dicía Mark Twain que a historia non se repite, pero rima.
Interesouche a entrevista? Queres preguntarlle a Eduardo algo máis? Déixanos os teus comentarios!